Imos retomar o libro de plástica, xa que xa o tedes todos e todas na casa. Esta semana teredes que facer a páxina 59.
Nela se vos pide que creemos un cadro en estilo dadaísta, pero claro primeiro teremos que saber que é iso. Como se vos explica no recadro rosa desta páxina o dadaísmo foi un movemento artístico en Europa e Norteamérica. Os artistas máis importantes que empregaron este estilo foron Tristan Tzara, Hugo Ball, Pablo Picasso e Marcel Jank.
O dadaísmo foi un movemento que comezou en Suíza en 1915. Foi moi polémico no seu día xa que estes artistas defendían que había que destruír a arte que se facía naquel entón e comezar unha nova arte: a anti-arte. Especialmente polémica foi a obra de Marcel Duchamp, quen chegou a expoñer nun museo un urinario. A xente non entendía como un urinario podería considerarse unha obra de arte. Esta peza cambiaría a historia da arte para sempre.
"A fonte" (Marcel Duchamp).
Seguramente ata aquí non entendades aínda que relación hai entre a obra de Duchamp e a imaxe que vedes nesta páxina 59 feita por Hausmann. Resulta que os dadaístas non utilizaron unha única técnica artística. O exemplo de Duchamp que acabades de ver era o que eles decidiron chamar "ready-made" (en inglés ready, como xa sabedes significa estar preparado, listo... e made significa feito, rematado). O urinario é un exemplo de ready-made porque é un obxecto que xa está listo, rematado; pero que neste caso Duchamp decidiu que podía ter outro significado e función distinta á que xa coñecemos). Pero ademais de ready-mades os dadaístas empregaron moito a técnica collage, que xa coñecedes e que aplicamos este curso nun par de ocasións. Empregaban recortes de prensa e fotografías para facelo como nos seguintes exemplos:
Que deberás facer na páxina 59 polo tanto? Pois primeiro de todo buscar na casa o seguinte material:
- Lápis
- Goma
- Tesoiras
- Pegamento
- Revistas que se poidan recortar porque xa non se lles está a dar uso
- Prensa de días pasados
- Alternativa ao anterior(en caso de non ter na casa revistas e xornais vellos): Imprimir de internet imaxes.
Unha vez que teñas todo o material elixe imaxes das revistas e dos xornais que chamen a túa atención (pode ser polas cores, polo tamaño irregular das letras ou calquer outro motivo). Se tés unha idea na cabeza do que che gustaría facer proba a debuxar cun lápis sobre o xornal vello ou a revista e recórtao. Xoga con distintos recortes (tamaños diferentes, cores distintas etc.) A temática do teu collage será totalmente libre.
Unha vez rematado enviade a través de papá ou mamá foto da páxina 59 a artisticabembibreprimaria@gmail.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario