domingo, 31 de mayo de 2020

Música 4º (Semana do 1 ao 5 de xuño)

Ola!

Esta semana déixovos unha proposta de percusión corporal sinxela para acompañar a coñecidísima canción "Dance Monkey". Non é preciso que enviedes esta semana nada ao correo. Agardo que vos divirtades practicándoa.


Música 3º (Semana do 1 ao 5 de xuño).

Ola terceiro!

Seguro que lembrades a canción que bailastes no entroido este curso: Eye of the tiger. Esta semana déixovos un vídeo para aprendela coa frauta, e soamente é necesario repasar 3 notas que xa sabedes: a nota si, a nota la e a nota sol.


A practicar! (Non fai falta que enviedes nadaesta semana).

Música 2º (Semana do 1 ao 5 de xuño).

Boas! Esta semana deixo unha actividade cunha canción que lles sonará especialmente aos nenos e nenas de 2º A, pero que os de 2º B tamén coñecedes seguro. A canción é da película O rei León. Esta vez en vez de bailala imos facer percusión corporal con ela.

Atentos e atentas ao vídeo!


Non fai falta que enviedes esta semana nada.

Apertas.

Música 1º (Semana do 1 a 5 de xuño).

Ola! Esta semana vos propoño unha actividade para cantar e acompañar con percusión corporal. Recoméndovos que vexades escoitando con atención primeiro o vídeo unhas cantas veces para ir memorizando a melodía e a letra e despois vos animedes  a acompañalo coa percusión no corpo como vedes no vídeo.


Non é preciso enviar isto como tarefa. Que teñades boa semana!

Plástica 5º (Semana do 1 ao 5 de xuño).

Benvid@s unha semana máis!
Esta semana aprenderemos un pouco sobre Kandinsky, foi un pintor ruso e teórico da arte, precursor da abstracción na pintura e un dos artistas máis importantes do século XX. Poderedes coñecer máis sobre el no seguinte vídeo: 





Como vedes Kandinsky emprega moito as formas xeométricas como base da súa pintura. Ao abrir o libro de plástica na páxina 65 veredes o cadro que foi explicado no vídeo anterior a partir do minuto 2.40. A proposta do libro é que recreedes o mesmo cadro no espazo que se vos proporciona nesa páxina, podedes escoller distintas cores e modificar a posición das formas xeométricas por exemplo. 

Non é preciso que enviedes a tarefa, agás aquelas persoas que aínda non mandasen tarefa desde hai tempo. 

Plástica 3º (Semana do 1 ao 5 de xuño).

Boas!

Esta semana podemos realizar a páxina 69. Para facela utilizaremos anaquiños de papel para facer a forma do autobús e da estrada (como vedes na figura 1), despois empregando rotuladores engadiremos os detalles do bus e as liñas na estrada como vedes na figura 2. 

Non é preciso que mandedes foto da tarefa.

Plástica 2º (Semana 1 ao 5 de xuño)

Bo día!

A proposta de esta semana é realizar a páxina 72. É unha desas paxinas en branco que nos deixa máis liberdade para crear e inventar. Esta semana gustaríame que cada un / unha fixera un debuxo libre cos materiais que queira e sobre o tema que prefira.

Non é preciso enviar foto desta tarefa.

Un saúdo.

Plástica 1º (Semana do 1 ao 5 de xuño).

Ola de novo! Comezamos o último mes do curso. Ánimo que queda pouquiño!

Esta semana propóñovos facer as páxinas 71 e 73 que están relacionadas. Consiste en recortar as pezas que compoñen o cadro e pegalas na 73 seguindo a orde do cadro de Sorolla. 

Non é preciso enviar foto da tarefa. 

lunes, 25 de mayo de 2020

Música 6º (Semana do 25 ao 29 de maio).















Non é preciso mandar vídeo esta semana salvo que consigades o reto e queirades mostralo :) 
Que teñades unha boa semana. 

Música 5º (Semana do 25 ao 29 de maio)

Ola quinto! Esta semana vouvos deixar un vídeo para aprender unha serie de pasos característicos do "shuffle" e que se non vos sona o nome demasiado despois de ver o vídeo comprobaredes que son pasos que saen bastante nos videoclips da música actual.

No vídeo veredes o paso primeiro lento para aprendelo e despois xa á velocidade apropiada.



A practicar!

Nota: Non tedes que mandar nada esta semana de música.

Saúdos!


Música 4º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Ola! Esta semana imos aprender unha serie de exercicios que nos axuden a coordinar o noso corpo, así como os movementos coa música.

Para facelo vouvos deixar unha serie de titoriais nos que a dificultade vai en progreso. Estades preparados e preparadas? Imos aló.


1. NIVEL INICIACIÓN: coordinación de brazos.


2. NIVEL INTERMEDIO: coordinación  de pés. 


3. NIVEL AVANZADO: aprendemos o paso "Happy feet".




4. NIVEL PRO: 3 pasos de danza hip hop.






Esta semana non fai falta enviar nada mais agardo que o pasedes moi ben practicando :)




Música 3º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Ola! Para esta semana imos prescindir do libro e bailar un chisquiño. Nesta ocasión vouvos deixar unha coreografía que ten algo de dificultade posto que o tempo da canción é rápido pero nada que non vos saia practicando. A canción chámase "Don't start now" dunha artista que me gusta moito: Dua Lipa.




A Continuación unha versión un pouco máis difícil ;)




Seguro que a facedes xenial!
Dado que é un baile non fai falta enviar nada.

Apertas!

Música 2º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Boas! Esta semana retomamos o baile. Neste caso vouvos propoñer bailar un clásico do rock cantado por Elvis, que lle chamaban o rei do rock! Podedes probalo en familia:




Posto que é unha coreografía non é necesario enviar nada.

Boa semana.

Música 1º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Esta semana os dejo un juego interactivo para practicar la figura de negra (ta) y su silencio (shhh).


Como se juega? tendréis que escuchar atentamente los sonidos y trasladar la negra o su silencio con el ratón. Importante esa concentración. 
Podéis jugar aquí: 





Plástica 5º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Seguiremos traballando en plástica co libro esta semana. Neste caso faremos a páxina 63:



Que necesitaredes? Soamente lápis e goma posto que ides facer un dolmen en escala de grises. Aínda que seguramente xa escoitáchedes falar dos monumentos megalíticos en ciencias sociais, por exemplo, aconséllovos ver o seguinte vídeo no que se repasan os principais monumentos megalíticos: 


Esta semana non é necesario mandar foto da páxina feita ao correo, salvo aqueles ou aquelas que inda non mandaran nada neste mes de maio que sería aconsellable para ver como continuades traballando. 
Ánimo chic@s!

Plástica 3º (Semana do 25 ao 29 de maio)

Ola! Seguindo co traballo do libro de plástica faremos a páxina 67. Nela se nos pide facer unhas flores, como no exemplo, empregando papel de seda e engadindo detalles finais con rotuladores. Como supoño que a maioría non tedes na casa papel de seda PODEDES FACER AS FLORES COS MATERIAIS QUE QUEIRADES. 

Esta semana non é necesario que o enviedes por correo salvo aqueles ou aquelas que aínda non mandaran nada en maio que sería aconsellable se é posible.

Plástica 2º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Bo día! Esta semana trataremos de facer as páxinas 69 e 71 que están relacionadas entre si. Na paxina 69 "What a great Summer"  teredes soamente que recortar as cousiñas que vedes e pegalos na 71 segundo o modelo que aparece no recadro pequeniño da páxina 69.

Non é necesario envialo por correo esta semana.

Un saúdo!

Plástica 1º (Semana do 25 ao 29 de maio).

Boas! Esta semana podemos facer a páxina 69 que consiste en facer un avión con recortes. Podedes probar a facelo con cores distintas ao modelo. Estaredes aplicando unha técnica moi famosa para os artistas chamada collage.

Non é necesario que enviedes a tarefa ao correo salvo aquelas familias que aínda non enviasen nada xa que estaría ben para ver algún dos vosos traballos. 

Unha aperta.

domingo, 17 de mayo de 2020

Música 6º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Benvidas e benvidos unha semana máis ao blogue!




Esta semana faremos un pequeno recorrido histórico pola historia da música. No voso libro, na páxina 74, esta de aquí:



Como observades tedes unha síntese desde a Idade Media ata o século XX. Podedes consultar o seguinte vídeo que ofrece unha cronoloxía da historia da música tamén pero comezando xa na Antigüidade ata os nosos días (é máis completa polo tanto, e ofrece fragmentos musicais):


Agardo que vos guste.



Música 5º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Esta semana imos facer a lectura das páxinas 60 e 61, que son as seguintes:




(Podemos comprender un pouco máis a disposición da orquestra e como é o seu funcionamento interno no seguinte vídeo):






Na páxina 61 repasaredes algúns dos oficios relacionados coa música. Sen eles e elas sería imposible que a música sobrevivise. 






Música 4º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Boa semana! Espero que esteades todas e todos ben. Imos a por outra semana! Ánimo que xa queda pouco!

Esta semana traballaremos a figura do compositor Manuel de Falla, compositor español importantísimo que aínda que non compuxo moitas obras, as que deixou para a posteridade son dunha calidade excepcional. Para coñecer quen foi e escoitar por primeira vez algo del veremos con atención este vídeo no que se explica moi ben a súa importancia:



Agora que xa tedes unha idea de quen foi Falla imos abrir o libro na páxina 67 (abaixo non aparece o numeriño é a páxina anterior á primeira páxina da unidade 6). Como vedes, tedes un musicograma dunha obra de Manuel de Falla, esta en concreto é "El fuego fatuo" que atópase dentro dunha obra maior chamada "El amor brujo". 

Podedes seguir o musicograma co voso dedo mentres escoitades a audición de "El fuego fatuo" que vos deixo a continuación: 


Se quedades con ganas de escoitar máis obras deste xenial compositor déixovos a maiores outras obras de Falla interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia: 



Música 3º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Esta semana imos escoitar un pouquiño de música da nosa terra. Se ides á páxina 60 do voso libro poderedes ler sobre a importancia da música tradicional. Para escoitar aos Melidaos e as audicións que aí vos aparecen déixovos os seguintes vídeos deles:

Os Melidaos - "Foliada de Castrelo"
Os Melidaos - "Cantiga da noite"

Nesa mesma páxina ao final de todo aparecen 2 cuestións. Tratade de contestalas brevemente e a semana que vén colgarei no blogue as respostas para que vos poidades autocorrexir. 
Probade a facer o mesmo co exercicio 1 da páxina 61: clasificar os instrumentos e dicir se cada un deles pertence á familia de vento, de percusión ou corda. 

Podedes escoitar cada un deles a continuación: 

charrasco


laúd


almirez


pandero



cuerno musical (no voso libro aparece unha cuncha musical da que non atopei exemplo sonoro pero este exemplo auditivo é similar)



cunchas


tejoletas (tarrañolas dicímoslle en Galicia)


cencerro

zanfona



zambomba


castañuelas



LEMBRADE: NON É NECESARIO ENVIAR NADA ESTA SEMANA DE MÚSICA (SERÍA ACONSELLABLE QUE O DE PLÁSTICA SE MANDASE UNHA FOTIÑO COMA SEMPRE). A semana que vén subirei as respostas da clasificación para que comprobedes. O importante é escoitar con moita atención.








Música 2º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Benvidos e benvidas unha semana máis!

Despois de cantar con todas as nosas forzas durante o día de onte para festexar as Letras Galegas imos retomar un pouco o traballo co libro. A proposta para esta semana é facer os exercicios 1 e 2 da páxina 61.  

Exercicio 1: Escribir o nome das notas sobre as liñas de debaixo de cada nota. Déixovos aquí en recordatorio de como se chamaba cada unha segundo o lugar que ocupaban no pentagrama:

Exercicio 2: Pasar a melodía ao pentagrama. Nota importante: no enunciado di tamén "coloca los pulsos y los acentos" esa parte non a imos facer. Soamente imos colocar na partitura as notas que nos dan arriba no pentagrama e con esas figuras que nos poñen no libro.  

Fácil verdade? 



Música 1º (Semana do 18 ao 22 de maio)

Ola nenos e nenas de 1º unha semaniña máis! Esta semana a proposta que pensei e que está recollida no voso libro de música é a creación de un instrumento na casa... e pensei que sería mellor que o vísedes e escoitásedes para entendelo mellor. 

Que instrumento podemos construir na casa moi rapidamente? Un xilófono con vasos de cristal e auga. Necesitaredes unha regra para medir a cantidade de auga que botamos. Non necesitaredes nada máis (bueno si, unha culler para poder tocar o voso xilófono!). Aquí vos deixo un vídeo para facelo: 


Lembrade que é importante medir a cantidade de auga porque varían as notas dependendo da cantidade de auga que conteña o vaso. 

Podedes practicar coa canción "Estrellita, ¿dónde estás?" como no final deste vídeo.

Plástica 5º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Boas! Aquí seguimos unha semana máis mandándovos ánimo que xa nos queda pouco! 

Esta semana imos facer algo co que xa estades familiarizados porque o puxestes en práctica para o curso de Leroy Merlin: crear un logo. 

Se ides no voso libro á paxina 61, esta que poño a continuación, no enunciado poderedes ler o seguinte:


"Deseña un logo novo para a túa escola. Despois de diseñalo coloréao empregando rotuladores, pinturas ou lápices de cores". 

Cando participáchedes no concurso saíron ideas de logos moi boas, ademais de slogans ou frases, nesta ocación soamente tedes que crear unha imaxe identificativa do cole acompañado do seu nome. Eu fixen algúns exemplos como mostra para que teñades algunha idea da que partir, pero tratade de ser creativos. Aquí vos deixo os logos que fixen eu: 












Plástica 3º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Alguén por aquí a quen lle gusten os cómics? A min encántanme! Crecín lendo as aventuras de Mortadelo e Filemón e entre cómics de Astérix... pero xa sendo adulta tamén seguín moi de preto os pasos dalgúns artistas que teñen moito talento para contar historias mendiante imaxes. O mundo da imaxe apaixóname. E a vós?

Ben sei que xa fixestes coa profe Vanessa un cómic, imos retomar o traballo de cómics esta semana no voso libro de plástica. Abrirémolo na páxina 63. Como podedes observar hai un total de 6 viñetas. Tres de elas xa están comezadas e outras tres están en branco, habendo bocadillos que indican que están a falar os personaxes nas dúas últimas, podedes incluir emoticonos como vedes no libro en lugar de palabras tamén. 

Que podedes ler no enunciado deste exercicio? "Observa a tira cómica. Crea un final e debuxa e coloréaa despois. Escribe unha frase para cada viñeta para continuar a historia". 

É moi importante polo tanto que o voso final do cómic TEÑA RELACIÓN coa historia que se conta no principio, que pode ter moitas interpretacións distintas. Nos cómics, ao igual que nos libros é moi importante que exista un inicio, unha parte central e un desenlace e que a historia teña un sentido para poder conectar co lector. 

Plástica 2º (Semana do 18 ao 22 de maio).

Ola! Esta semana imos traballar a un artista moi famoso: Pablo Picasso.  

Para coñecer máis sobre el veredes antes que nada este vídeo (ata o minuto 3.30):


Agora que xa coñecedes un pouqiño máis del, e sobre o cubismo, imos tratar de facer a páxina 67. Nela proponse rematar co lápis de pintar o que falta e colorear o cadro de Picasso. Podedes empregar para isto último ceras, lápices de cores, rotus... 

Mesmo podedes variar as cores e que sexan distintas do cadro orixinal!

Plástica 1º (Semana 18 ao 22 de maio)

Esta semana faremos unha páxina moi sinxela do libro: a páxina 68. Seguimos a traballar as froitas. Esta vez debuxaremos unha única froita que sexa a nosa favorita (difícil escoller co ricas que están todas, verdade?). Podedes utilizar os materiais que queirades para facelo. Ao final non esquezades escribir o nome da vosa froita favorita en inglés onde vos sinalo en laranxa.




lunes, 11 de mayo de 2020

MÚSICA E LETRAS GALEGAS 2020 - recopilación para toda primaria


Aquí vos deixo unha selección de cancións con textos escritos por Carballo Calero, outras cancións tratan sobre a nosa lingua e foron escritas polos propios músicos e bandas que as compuxeron. Cancións atemporais en todo caso. 
Tamén deixo algún xogo interactivo ou vídeo curioso. Gozade dunha boa semana das letras galegas, este ano un pouquiño estrañas, pero que de seguro poderemos celebrar cando todo isto remate e festexemos estar xuntos e xuntas de novo 😊















Outras actividades:








Música 6º (Semana do 11 ao 17 de abril).

Continuamos traballando no libro esta semana tamén. Hoxe imos saltar unhas pouquiñas páxinas e imos traballar a páxina 70. Que é esta de aquí (premede na imaxe para vela mellor ou descargar):


Como sempre achego algúns exemplos de audicións para que escoitedes como sonan (algúns xa os coñecedes de sobra, entre outras cousas porque os empregamos na aula de música como poden ser cascabeis, maracas, triángulo, pandeireta...polo que eses xa non os poño para escoitar a continuación).


Marimba:


Vibráfono:



Glockenspiel:

Campanas tubulares:


Celesta:


Que enviar esta semana ao correo electrónico para ter en conta positivamente para o curso? Estaría ben que enviásedes o exercicio 1: "Elabora un mapa conceptual de los instrumentos de percusión". Para facelo teríades que facer unha pequena investigación en internet ou libros para plasmar nun mapa conceptual as ideas principais sobre esta familia instrumental. Podedes facelo a ordenador e envialo ou facelo a man e sacarlle unha foto e facelo chegar. 

A maiores, dado que esta semana celebramos o domingo o día das Letras Galegas, tedes noutra publicación dirixida a toda primaria na parte superior do blogue unha serie de actividades relacionadas co autor homenaxeado e vinculadas coa materia de música. Probade a facer algunha delas sen necesidade de enviar nada. 

Bo comezo de semana chicos e chicas!






Música 5º (Semana do 11 ao 17 de maio).

Ola! Esta semana retomamos a frauta. Podedes escoller a canción que máis vos apeteza entre as das páxinas 50 e 51 do libro. Elexide unha soamente entre as tituladas "Canon a dos voces", "Canon", "La paz" ou "Valse da Marola" e tratade de aprendela despacio. Tedes un recordatorio de como era a posición de cada nota na frauta na páxina 10 do propio libro. Todas as cancións teñen dúas voces (dous pentagramas) probade a aprender soamente un deles esta semana. 

No caso do "Valse da Marola" non hai dous pentagramas pero como vedes as notas están unha sobre outra, representan igualmente dúas voces. Isto significa que tocaríades sempre as notas de abaixo ou as de arriba, a que decidades neste caso. 

Que envíar esta semana ao correo para poder ter conta positivamente? Un anaco de vídeo duns segundiños practicando calquera destas cancións propostas. No caso de que ocupe moito o arquivo WeTransfer é unha boa opción. 

A maiores, informarvos de que deixarei na parte superior do blogue unha serie de actividades relacionadas con Ricardo Carballo Calero e a música porque como xa sabedes o domingo é o día das Letras Galegas. Botádelle un ollo se vos presta. 

Música 4º (Semana do 11 ao 17 de abril).

Bo comezo de semana! Estes días trataremos de facer as seguintes páxinas do libro de música: a 61 e 63. Como vedes hai un salto de páxinas, isto é debido a que algunhas delas non as podemos facer sen o material que temos no cole (instrumentos, audicións...) ou porque son cousas novas que non expliquei este curso, polo que imos a avanzar no que si demos ou poida ser fácil para vós sen contar físicamente coa miña axuda. 
Na páxina 61 tedes que ler a información sobre os instrumentos de tecla.  Non hai que identificalos auditivamente. Aínda así deixo aquí unhas audicións para que comprobedes como sonan e como son algúns deles:

PIANO



CELESTA



ARMONIO




ACORDEÓN



CLAVICÉMBALO





Respecto á páxina 63 tedes unha canción nova para aprender chamada "Amoriños collín". Podedes tratar de aprendela coa frauta, seguimos os mesmos pasos para facelo que hai un par de semanas coa canción "Yo no sé":


1. Está escrita nun compás TERNARIO esta vez (tres por catro).
2. A figuración empregada son negras, corcheas principalmente, aparece unha branca e un silencio de negra. Son figuras todas coñecidas.
3. Ao final da partitura aparecen os dous puntos antes da dobre barra de compás, isto significaba que temos que repetir desde o principio. 
4. Na frauta antes de tocala teño que saber colocar as notas: hai un recordatorio na marxe.
5. Antes de poñerme a tocar directamente hai que ir paso a paso: primeiro anoto a lápis o nome das notas debaixo se o necesito (sempre é recomendable), palmeo o ritmo, solfexo a partitura, unha vez interiorizado o ritmo coas notas ditas en voz alta a un tempo correcto - que non ten que ser rápido - paso a colocar a frauta debaixo da boca (no queixo) e  movendo os dedos vou dicindo as notas que vou colocando na frauta ao tempo correcto e xa por último facémolo soprando.  


Se queredes achegarme algo ao correo electrónico (sería aconsellable) podedes gravar un vídeo curtiño duns segundos tocando o inicio desta nova canción "Amoriños collín" (en caso de que o correo diga que pesa moito o arquivo podedes usar WeTransfer). Da páxina 61 nada posto que é unha lectura. 


Por último, dado que o domingo é o día das Letras Galegas deixo para toda primaria ao principio do blogue, para quen queira investigar un pouco cancións relacionadas con Ricardo Carballo Calero e as letras galegas. 

Que teñades unha boa semana.

Música 3º (Semana do 11 ao 15 de abril).

Seguimos avanzando un chisquiño co libro de música coas páxinas 57 e 58.

Páxina 57: Como se vos indica no enunciado consiste en imitar os sons das imaxes. Non é necesario entregar esta actividade polo correo simplemente facelo e pensar como son esos sons (agudos ou graves, forte ou piano, rápidos ou lentos, agradables ou desagradables...).

Páxina 58: Presenta unha nota nova sobre o pentagrama. Non se trata dunha nota descoñecida, é o re que xa coñecíades pero esta vez o escribimos na cuarta liña porque é máis agudo que o re que escribimos baixo a primeira liña. Para repasar os nomes das notas e onde se colocaba cada unha no pentagrama (algo xa visto en 2º de primaria) podedes ver este vídeo que de seguro vos axudará a lembrar: 


Que tedes que facer entón nesa páxina 58? os exercicios 1 e 2. 
No exercicio 1 se vos pide debuxar esas dúas notas coa figura de redonda (tedes o exemplo en vermello, é moi moi fácil). No exercicio 2 completade a canción colocando no pentagrama as notas no seu sitio e coas figuras que vos poñen arriba. Lembra, como che insiste no recadro verde desa páxina que a partir da TERCEIRA LIÑA DO PENTAGRAMA a plica cambia de posición (é cara abaixo e descende pola esquerda da cabeza da figura). 

Unha vez rematado soamente sería aconsellable mandar UNHA FOTO da páxina 58 feita. Nada máis.

Deixarei tamén outras propostas opcionais para toda primaria en relación co día das Letras Galegas para quen queira ampliar máis arriba. 

Música 2º (Semana do 11 ao 17 de maio).

Benvidos e benvidas unha semana máis ao blogue. Unha semana máis pero non unha semana calquera... esta é a semana das Letras Galegas, este ano adicada a Ricardo Carballo Calero.
Como xa sabedes, sempre se lle adica o 17 de maio a alguén que axudou dalgunha maneira á lingua galega. 

Para conmemoralo podemos cantar esta divertida canción de Brinca Vai: 



Agardo que vos guste.

Esta semana non é preciso enviar nada de música, mais se algunha familia quere mandar un vídeo curtiño cantándoa déixovos como sempre aquí o correo: artisticabembibreprimaria@gmail.com

Deixarei tamén outras propostas opcionais para toda primaria en relación co día das Letras Galegas para quen queira ampliar.

Boa semana!

Música 1º (Semana do 11 ao 17 de maio).

Ola rapaces e rapazas de primeiro! Comezamos outra semana, pero non é unha semana calquera, é a semana das Letras Galegas. Un pouco raras as deste ano, non si? Este ano están adicadas a...


Para coñecer un pouco máis sobre el propóñovos este xogo interactivo:


De seguro que agora que xa sabedes cousas deste autor vos atrevedes co preguntoiro musical sobre o mesmo autor:

Deixarei tamén outras propostas opcionais para toda primaria en relación co día das Letras Galegas para quen queira ampliar.

Saúdos.

Plástica 5º (Semana do 11 ao 15 de maio).

Imos a por outra semana! Trataremos de facer esta semana a páxina 59 do libro de plástica. Esta de aquí:


Soamente necesitaredes lápis e goma para facela. Trátase de completar o taboleiro de axedrez que vedes arriba como modelo seguindo as liñas dadas. É un traballo en perspectiva, de aí a pirámide que vedes no fondo, que axuda a conseguir esa sensación de profundidade. Tedes coidado tamén cando debuxedes as sombras (a incide sempre polo mesmo lado polo tanto a sombra como vedes na imaxe vai sempre na mesma dirección). 

Mandade foto ao correo se podedes con ela feita ao rematar. 

Plástica 3º (Semana do 11 ao 15 de maio)

Proposta da semana: Páxina 61 do libro de plástica.

Nesta semana continuamos profundizando na técnica collage. Podedes reutilizar os materiais restantes da semana anterior (revistas, xornais...). Neste caso se vos pide como ledes no enunciado: debuxar unha casa e posteriormente en vez de pintala pegar anacos de revistas ou xornal sobre a casa. Para engadir detalles o libro propón empregar rotuladores (debuxarlle as fiestras, a porta...) o que se vos ocurra. 

Plástica 2º (Semana do 11 ao 15 de maio).

Ola! Esta semana avanzamos un chisquiño máis no libro de plástica, imos tratar de facer unha tarefa moi sinxeliña: a da páxina 65. Necesitades lápis para continuar a forma das froitas e lápices de cores para colorealos segundo o modelo.

Saúdos.

domingo, 10 de mayo de 2020

Plástica 1º (Semana do 11 ao 15 de maio).

Ola primeiro! Arrancamos unha nova semana. Como tarefa de plástica propoño facer a páxina 67 do libro. Necesitaredes: lápis, goma e cores. Teredes que rematar de colorear cada unha das froitas seguindo o modelo, como fixemos outras veces.

Bo comezo de semana!

lunes, 4 de mayo de 2020

Música 6º (Semana do 5 ao 8 de maio).

Ola a todos! Esta semana traballaremos a páxina 60 do libro profundizando un pouquiño máis sobre os instrumentos musicais. O exercicio 1 deixarémolo sen facer. Tedes que contestar ás 5 preguntas da parte final da páxina (a,b,c,d,e). Respecto a pregunta "e) Utiliza las TIC y realiza un trabajo sobre el órgano" aclarar que con 4 ou 5 liñas chega en canto a extensión. 
Facédeo onde queirades e no formato que desexedes e tratade de enviarmo a artisticabembibreprimaria@gmail.com 

Música 5º (Semana do 5 ao 8 de maio).

Ola Continuamos co libro esta semana. Da páxina 47 podedes facer a lectura do recadro verde e o exercicio 1. A audición  a escoitar é esta:


Os exercicios 2 e 3 non é posible facelos.  

Na páxina 48 facemos a lectura da páxina e a continuación deixo unha serie de audicións para identificar os distintos tipos de guitarra e escoitar o baixo eléctrico (exercicio 1):

Guitarra flamenca ou española tocada por Paco de Lucía:


Dúas Guitarra acústica: 


Guitarra eléctrica:


Baixo eléctrico:


O exercicio 2 non hai que facelo.

Xa por último, na páxina 49 tedes os debuxos para aprender o acompañamento con percusión corporal da canción "Eram sam sam".  Neste vídeo explícanvos paso a paso como aprender o ritmo para acompañala (ao principio mostra o resultado final, pero despois vai facendo parte a parte para aprendelo): 



Se podedes, pedide que vos graven facendo a percusión corporal sobre a canción e que mamá ou papá mande o vídeo ao correo electrónico. Esta semana soamente HABERÍA QUE MANDAR O VÍDEO INTERPRETANDO ERAM SAM SAM, xa que o outro son actividades de escoitar e ler.

Agardo saber de vós! 





Música 4º (Semana do 4 ao 8 de maio).

Ola! Imos continuar traballando co libro, na páxina 56 comeza a unidade 5 "Maio das Mariñas". A tradición dos maios celébrase en moitas zonas de Galicia, a canción que tedes na páxina 56 é unha canción típica da zona da Mariña lucense, lede a letra mentres desfrutades de escoitar outras versións de coplas dos maios de distintos artistas que deixo a continuación: 



Como proposta de traballo baseada na canción que tedes no libro podedes probar a inventar unha copla dos maios. Podedes inventar unha copla de 4 versos moi sinxeliña ou variar a seguinte (que tedes no libro):

"Xa chegou o mes de maio,
o maio das Mariñas, 
o maio namorado...
ai, do mar e da andoriña!"

Como vedes nesta copla de 4 versos, o segundo verso rima co último (Mariñas - andoriña), quedando o primeiro e o terceiro con rima libre.  


Agardo as vosas coplas de 4 versos no correo: artisticabembibreprimaria@gmail.com

Boa semana!



Música 3º (Semana do 4 ao 8 de maio).

Esta semana abrimos o libro na páxina 55. Temos un musicograma.  Para seguilo necesitades a audición que poño a continuación:


Trátase dunha suite composta por un dos compositores máis importantes da historia da música: Bach. 
Escoitade de novo a obra musical seguindo co voso dedo os debuxos dos globos ao ritmo da obra. Fixádevos na estrutura da canción: ten primeiro unha parte A, que se repite, depois unha parte distinta que chamamos B, logo outra terceira parte distinta que sería C, logo desta repite a segunda idea B e remata coa idea C. Como vos pon na parte superior a obra segue a seguinte estrutura: A - A - B - C - B - C.  

Posto que esta actividade é soamente de escoita non tedes que enviar nada en concreto ao correo, pero de plástica si, non vos esquezades! 


Música 2º (Semana do 4 ao 8 de maio).

Ola! Esta semana trataremos de facer no libro a páxina 59 e o exercicio 2 da páxina 60. Explico que hai que facer a continuación.

..................................................................................................................................................................

Página 59: Aparece en rojo la nota fa (situada en el primer espacio del pentagrama). Para vosotros no es una nota nueva, ya habíamos aprendido a colocar todas las notas en la "casa de las notas" que hicimos en el segundo trimestre. 

Ejercicio 1: La serpiente representa a la figura de la negra, las mariposas representan las corcheas, la hoja de árbol es un silencio de negra y el arco iris representa la blanca. Os recuerdo que la negra vale 1 tiempo, las dos corcheas unidas 1 tiempo también, el silencio de negra también dura 1 tiempo aunque no escuchemos sonido y la blanca dos tiempos. Para interpretar el código de los dibujos pide interpretarlo con percusión (si estuviésemos en el cole repartiríamos claves, triángulos, cajas chinas...), en su lugar si hay algún instrumento de percusión en casa lo podéis interpretar con él y si no es así utilizaremos las palmas para percutirlo. 

Ejercicio 2: Tendréis que trasladar al pentagrama las notas que aparecen debajo de los dibujos del ejercicio 1 y darles el valor que les corresponde según el dibujo. Hemos hecho esto mismo otras veces como por ejemplo en la página 45. El enunciado del ejercicio pide cantar la melodía con las notas (si tenemos un instrumento melódico en casa podremos hacerlo pero como la mayoría de vosotros no lo tenéis no tendréis que hacer NADA MÁS, solamente la parte escrita). 

Página 60: 

Ejercicio 1 (no se hace por falta de audio para escuchar).

Ejercicio 2: Rodeamos con el lápiz las notas fa que encontremos en la partitura.

Cuando terminéis sacar una foto a cada una de las páginas y enviar por medio de mamá o papá a artisticabembibreprimaria@gmail.com

Música 1º (Semana do 5 ao 8 de maio).

Ola de novo! Como non temos a canción de inicio da unidade 5 do libro propoño escoitar a seguinte canción titulada "Todo o día na casiña" que é de Magín Blanco, o mesmo compositor que compuxo a canción que cantamos este ano polo dia da paz "Todos somos capitáns". 


Escoitade con atención e agardo que vos guste! 

Nota para as familias: Non é necesario enviar nada esta semana de música posto que se trata dunha audición. Soamente é aconsellable enviar a páxina de plástica proposta na anterior publicación.

Plástica 5º (Semana do 4 ao 8 de maio).

Boas 5º! Desexo que todas e todos, así como as vosas familias esteades ben! Imos coa tarefa desta semana. Agora que xa tedes todas e todos o libro na casa imos tratar de facer a páxina 53.



Antes de poñernos man á obra é aconsellable ver o seguinte vídeo que resume moi ben unha das vangardas artísticas máis importantes: o cubismo. 



Na páxina 53 do voso libro podedes ver a obra "The smoker" de Juan Gris, artista español que ten numerosa obra cubista. No recadro rosa desa mesma páxina atopamos algo máis de información: "Juan Gris foi un artista español, nado en Madrid. En París coñeceu a Pablo Picasso e a Georges Braque. Estes tres artistas foron importantes dentro do movemento do cubismo. Juan Gris empregou a técnica chamada papier collé, que é un subtipo de técnica collage no que se emprega o papel". No papier collé a forma das pezas pegadas determina o obxecto resultante do collage. 

Que facer entón na páxina 53? O enunciado pide que observemos a obra de Juan Gris "The smoker". Tras observalo, no espazo proporcionado deberemos recrealo empregando recortes de papeis, revistas e xornais vellos etc. e rotuladores. Tratade de empregar as mesmas cores se é posible e a mesma gama cromática. 

Unha vez rematado enviade unha foto da páxina 53 a artisticabembibreprimaria@gmail.com






Plástica 3º (Semana do 4 ao 8 de maio).

Bo comezo de semana terceiro!

Imos retomar o libro de plástica, xa que xa o tedes todos e todas na casa. Esta semana teredes que facer a páxina 59. 



Nela se vos pide que creemos un cadro en estilo dadaísta, pero claro primeiro teremos que saber que é iso. Como se vos explica no recadro rosa desta páxina o dadaísmo foi un movemento artístico en Europa e Norteamérica. Os artistas máis importantes que empregaron este estilo foron Tristan Tzara, Hugo Ball, Pablo Picasso e Marcel Jank. 

O dadaísmo foi un movemento que comezou en Suíza en 1915. Foi moi polémico no seu día xa que estes artistas defendían que había que destruír a arte que se facía naquel entón e comezar unha nova arte: a anti-arte. Especialmente polémica foi a obra de Marcel Duchamp, quen chegou a expoñer nun museo un urinario. A xente non entendía como un urinario podería considerarse unha obra de arte. Esta peza cambiaría a historia da arte para sempre. 


"A fonte" (Marcel Duchamp).

Seguramente ata aquí non entendades aínda que relación hai entre a obra de Duchamp e a imaxe que vedes nesta páxina 59 feita por Hausmann. Resulta que os dadaístas non utilizaron unha única técnica artística. O exemplo de Duchamp que acabades de ver era o que eles decidiron chamar "ready-made" (en inglés ready, como xa sabedes significa estar preparado, listo... e made significa feito, rematado). O urinario é un exemplo de ready-made porque é un obxecto que xa está listo, rematado; pero que neste caso Duchamp decidiu que podía ter outro significado e función distinta á que xa coñecemos). Pero ademais de ready-mades os dadaístas empregaron moito a técnica collage, que xa coñecedes e que aplicamos este curso nun par de ocasións. Empregaban recortes de prensa e  fotografías para facelo como nos seguintes exemplos: 


Que deberás facer na páxina 59 polo tanto? Pois primeiro de todo buscar na casa o seguinte material:
  • Lápis
  • Goma
  • Tesoiras 
  • Pegamento
  • Revistas que se poidan recortar porque xa non se lles está a dar uso
  • Prensa de días pasados
  • Alternativa ao anterior(en caso de non ter na casa revistas e xornais vellos): Imprimir de internet imaxes.
Unha vez que teñas todo o material elixe imaxes das revistas e dos xornais que chamen a túa atención (pode ser polas cores, polo tamaño irregular das letras ou calquer outro motivo). Se tés unha idea na cabeza do que che gustaría facer proba a debuxar cun lápis sobre o xornal vello ou a revista e recórtao. Xoga con distintos recortes (tamaños diferentes, cores distintas etc.) A temática do teu collage será totalmente libre. 

Unha vez rematado enviade a través de papá ou mamá foto da páxina 59 a artisticabembibreprimaria@gmail.com